Conmemoración: Día Internacional da Muller Rural

    O 15 de outubro celébrase o Día Internacional da Muller Rural

    As mulleres rurais constitúen a cuarta parte da poboación mundial. Representan arredor do 40% da forza laboral agrícola nos países en desenvolvemento. Mesmo poden chegar a máis do 50% en determinadas partes de África e Asia. Pola contra, sofren unha discriminación significativa no que respecta á propiedade da terra e do gando, á igualdade de remuneración, á participación na toma de decisións, ao acceso a recursos e créditos, etc.

 

   As labregas padecen de maneira desproporcionada os múltiples aspectos da pobreza, malia seren tan produtivas e boas xestoras como os seus homólogos masculinos. As barreiras estruturais continúan limitando o poder das mulleres rurais na participación política dentro das súas comunidades e fogares. O seu labor é invisible e non remunerado, a pesar de que as tarefas aumenten e se endurezan debido á migración dos homes. Mundialmente, todos os indicadores de xénero e desenvolvemento amosan que as campesiñas se atopan en peores condicións que os homes do campo e as mulleres urbanas.

    Estes datos non só repercuten á calidade de vida das mulleres, tamén supoñen un obstáculo para acabar coa pobreza e a fame. Se as mulleres tivesen o mesmo acceso que os homes aos recursos, a produción agrícola nos países en desenvolvemento aumentaría e o número de persoas desnutridas no mundo diminuiría.

   Nesta data procuramos visibilizar a relevancia da súa achega económica, social e cultural. Precisamente, escolleuse esta data (15 de outubro) xa que na xornada anterior celebramos o Día Internacional da Alimentación, na cal a figura da muller rural é esencial.